septiembre 07, 2009

E para maiores...O caderno dourado

Hoxe tráiovos unha das obras máis emblemáticas de Doris Lessing, a obra coa que a escritora galardonada co Premio Nobel de literatura hai dous anos acadou recoñecemento internacional.
Escrita en 1962, non se pode cualificar de novidade máis que polo feito de que vén de ser traducida ao galego. E porque o seu contido é o suficientemente universal como para traspasar as barreiras do tempo e seguir estando de actualidade.
No libro, con tintes autobiográficos, unha escritora vai recollendo distintas facetas da súa vida -as súas experiencias en África, a súa vida afectiva, o compromiso político, a actividade profesional- en cadernos de distintas cores -negro, amarelo, vermello, azul-.
O caderno dourado ven sendo aquel punto onde conflúen e se interrelacionan todas esas facetas, o zume que se desprende da mestura de todas elas.
Merece a pena tomar contacto coa obra desta escritora, icono do antirracismo, do feminismo, do anticolonialismo.
Abordar eses temas nas súas obras valiulle ser expulsada de África do Sur, e en especial de Rhodesia, país no que se criara, xa que a súa familia se trasladara alí dende o seu Irán natal cando ela contaba seis anos.
Estamos a falar dunha obra imprescindible, dun clásico xa da literatura universal, do que agora podemos gozar na nosa lingua.